Wednesday 01 de May de 2024

Cariño saca a licitación por 200.000 euros o contrato de xestión do Punto de Atención  á Infancia


O documento regula as características que debe reunir o servizo.
O Concello de Cariño acaba de sacar a licitación o contrato de xestión do Punto de Atención á Infancia ( PAI), situado na parroquia da Pedra. Conta cun orzamento de 200.000 euros e pretenden regular as características que debe reunir o servizo, dirixido a nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos.
Nos pregos recóllense ao detalle as liñas para seguir durante a duración do contrato, que terá unha vixencia de dous anos, prorrogables por outros dous máis. Desde o número máximo de prazas do centro (un total de 20), os materiais que se deben utilizar, o horario e o calendario do curso, a administración de comidas e medicamentos, a relación cos pais e titores ou os dereitos e obrigacións do persoal son algúns dos aspectos que se regulan.
O Concello de Cariño encargarase de proporcionar as instalacións e a dotación de equipamento e do material didáctico básico necesario para un funcionamento correcto do servizo, así como material de tipo tecnolóxico. Ademais, farase cargo da convocatoria anual de adxudicación de prazas, da cobranza da tarifa ás familias, das obras de reparación necesarias, os gastos de subministracións e o mantemento do xardín.